O TSXG confirma a condena ao Concello de Ourense e ao alcalde por incumprir a prevención de riscos laborais cunha ex xefa de Comercio

GaliciaXa | OurenseXa
A Sala do Social ratifica a indemnización de 48.685 euros por danos morais e incapacidade temporal e avala a sentenza ditada en primeira instancia polo Xulgado do Social número 2 de Ourense
Gonzalo Pérez Jácome
21 Jul 2026

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que condena ao Concello de Ourense e ao seu alcalde a indemnizar con 48.685 euros á ex xefa do Negociado de Comercio por danos morais e incapacidade temporal derivados do incumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais.

O alto tribunal desestimou os recursos presentados tanto polo Concello como polo rexedor municipal e ratificou integramente a resolución emitida en primeira instancia polo Xulgado do Social número 2 de Ourense.

Na resolución, o TSXG rexeita “as profusas denuncias tendentes á nulidade de actuacións”, así como os diferentes motivos de modificación formulados polos recorrentes. Entre os argumentos expostos figuraban supostos vicios procesuais, a falta de competencia da xurisdición social, a falta de lexitimación, a inexistencia de proba ou de nexo causal, ademais de erros na valoración dos feitos e na aplicación do dereito.

A Sala do Social considera que “a responsabilidade do Concello si é obxectiva ou de resultado no que se refire á protección de riscos dos traballadores”, ao tempo que conclúe que “o nexo causal entre o traballo e a falta de protección dun risco é evidente”.

A sentenza tamén rexeita as impugnacións de carácter procesual ao entender que carecen da concreción necesaria e por considerar improcedente trasladar ao recurso de suplicación unha revisión ampla da valoración das probas practicadas.

No fallo, o tribunal confirma que corresponde á xurisdición social resolver os incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais que afecten á saúde do persoal. Ademais, desestima a maior parte das peticións para modificar os feitos considerados probados, agás a admisión parcial dunha matización sobre a literalidade dun informe pericial médico.

O TSXG considera acreditada a existencia dun nexo entre a ausencia de medidas preventivas e os danos sufridos pola demandante, polo que entende probado o incumprimento dos deberes de prevención de riscos laborais por parte dos codemandados. En consecuencia, a Sala desestima os dous recursos, confirma a sentenza ditada en primeira instancia e impón tamén as custas aos recorrentes.

A resolución xudicial non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso de casación.

0.12953495979309