Os populares ourensáns piden ao Concello que implante a quinta fracción de recollida de residuos urbanos

OurenseXa
Os populares reclaman ao goberno local que implante a recollida selectiva de materia orgánica, apostando por unha cidade responsable na xestión dos seus impactos ambientais
recogida-basura-contenedores
O PP pide ao Concello que implante a quinta fracción de recollida de residuos urbanos
3 Abr 2024

O Grupo Municipal Popular defenderá no pleno ordinario de abril unha moción pedindo ao goberno municipal que implante a quinta fracción de recollida de residuos urbanos apostando por unha cidade responsable na xestión dos seus impactos ambientais. “Desde o Partido Popular sempre apostamos porque Ourense dese pasos decididos para converterse nunha cidade de referencia na sustentabilidade ambiental e en desenvolver proxectos sostibles co único fin de mellorar a calidade de vida dos ourensáns e ourensás”, remarca o concelleiro Jorge Pumar.

 “A senda verde que vai desde a estación intermodal ata Seixalvo, o desenvolvemento das sendas de Valdorregueiro-Cudeiro, ou a próxima a desenvolver en Reza son claros exemplos desa mellora da mobilidade urbana, segura e saudable que impulsa o Partido Popular”, indica o concelleiro. “Tamén o plan de mellora da rede de parques infantís con máis de 50 parques totalmente renovados e actualizados”, engade.

Por conseguinte, dende o Grupo Municipal Popular apostan por seguir impulsando proxectos que melloren a calidade de vida dos cidadanás.“Non queremos que Ourense quede á cola da xestión sostible dos residuos de Galicia, por iso reclamamos ao goberno local que implante a recollida selectiva de materia orgánica, pois é a fracción de residuos con maior porcentaxe de peso no noso lixo”, explica o popular, quen lembra que “ademais estamos obrigados por lexislación europea, nacional e galega á implantación desta fracción e xa estamos a incumprir prazos”.

Por último, Jorge Pumar pon de manifesto “alto e claro” que “podemos contar coa axuda da Xunta de Galicia para reducir a nosa pegada de carbono, tanto á hora da adaptación da planta de San Cibrao para a transferencia da nosa materia orgánica e posterior tratamento, como na axuda para a implantación da quinta fracción”.

0.18799710273743