?> Policías e bombeiros protestan no Concello polos impagos nas nóminas en OurenseXa

Policías e bombeiros protestan no Concello polos impagos nas nóminas

OurenseXa
Varios efectivos do corpo de bombeiros e policía local encerráronse esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense para esixir unha resposta ante os impagos das nóminas
bomberos ourense
bomberos ourense
Redacción Ourensexa
25 abr 2024

Ao redor de medio centenar de bombeiros, policías locais e outros funcionarios municipais reuníronse esta mañá no Concello de Ourense para protestar polo impago dos pluses de nocturnidade e festividade nas nóminas de marzo e abril, que supoñen entre o 30% e o 40% do seu salario.

Bombeiros e policías chegaban esta mañá á porta do Concello. Pouco despois, conseguían entrar na sala do Pleno onde encerráronse ata ser recibidos polo alcalde e outros representantes municipais.

A situación ven tras a anulación do capítulo I do orzamento municipal que foi tumbado pola xustiza por saltarse a negociación colectiva. Inda que dende o Concello aseguraban que a situación estaría solucionada en abril, unha circular emitida polo Concello durante esta semana informaba de que o problema non estaba solucionado.

Unha situación que non só afecta aos 180 funcionarios da policía local e do parque de bombeiros de Ourense, senon aos case 700 que conforman a plantilla e que seguirán sen ver reflexado na súa nómina o incremento do 0,5% que lles prometeran.