Preto de 200 deportistas déronse cita en Ourense nos Xogos Galaico Durienses

OurenseXa
O campus de Ourense acolleu a trixésimo quinta edición destes xogos, que se veñen desenvolvendo desde 1993
XXXV Xogos Galaico Durienses
XXXV Xogos Galaico Durienses
29 Nov 2024

Desde este martes, o campus de Ourense acolleu a celebración dos XXXV Xogos Galaico Durienses. A cita reuniu a preto de 200 deportistas e persoal técnico das universidades lusas de Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e Minho, así como das universidades galegas de Vigo e Santiago de Compostela (USC). Nun ambiente de sa competición e convivencia, alumnas e alumnos competiron en cinco modalidades deportivas.

O edificio Politécnico do campus foi o escenario este xoves da entrega de galardóns dos xogos, nun acto no que participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Manuel González, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Ourense, e Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense. Durante a clausura destacouse o bo desenvolvemento do evento, cuxa organización, rotatoria entre as universidades participantes, este ano correspondeu á Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo.

Desde a organización dos xogos subliñouse o bo ambiente de convivencia que reinou durante cada xornada e o correcto desenvolvemento de cada unha das competicións, destacando a oportunidade que brindan estes xogos para estreitar cada ano as relacións entre as institucións académicas participantes e os seus integrantes. Así mesmo, puxeron en valor a importancia de fomentar os valores do deporte entre a comunidade universitaria e a cidadanía.

Nesta edición dos Xogos Galaico Durieses, que se veñen desenvolvendo desde 1993, cada unha das cinco universidades estivo representada por 37 deportistas e un xefe ou xefa de expedición

0.17133903503418