San Cibrao das Viñas pon en marcha as actividades municipais do curso 2026/27

O Concello de San Cibrao das Viñas presentou o seu programa de actividades municipais para o curso 2026/27, que combina propostas deportivas, culturais e de lecer dirixidas a veciños de todas as idades.
Entre a oferta destinada ao público infantil e en idade escolar atópanse disciplinas como fútbol sala, baloncesto, ximnasia rítmica, patinaxe, fútbol gaélico, baile, cociña creativa, xadrez e robótica. Todas estas actividades terán carácter gratuíto para os participantes.
Para os maiores de 16 anos, o consistorio mantén a oferta do Ximnasio Municipal, con clases como fitness, zumba, pilates, HIIT ou spinning, así como as actividades do Local Social O Piñeiral, entre as que se inclúen mantemento, piyoga, adestramento funcional, body balance e bailes latinos.
Para poder inscribirse é necesario estar empadroado no municipio; no caso dos menores, abondará con que eles mesmos ou algún dos seus pais ou titores legais figuren empadroados en San Cibrao das Viñas. Esta condición non será esixible para acceder ao Ximnasio Municipal.
O prazo para formalizar as inscricións estará aberto do 1 ao 18 de setembro. As persoas interesadas poderán realizar o trámite e consultar toda a información a través da web municipal www.sancibrao.es. No caso concreto do Ximnasio Municipal, a inscrición tamén se poderá facer presencialmente nas propias instalacións ou mediante a aplicación móbil correspondente.
Para calquera consulta adicional, o Concello habilitou o teléfono 608 275 776.