Todo o menú do Magosto será de balde esta tarde en Ourense pola choiva

A celebración do Magosto en Ourense cambia de plans de última hora. Ante as fortes choivas rexistradas ao longo da xornada, a organización decidiu que todo o menú da festa sexa gratuíto esta tarde, a partir das 18.00 horas, na Praza Maior e na rúa do Progreso (Alameda).
A medida afecta directamente aos bocadillos de chourizo asado en bolo de masa nai e ás bebidas, auga e viño, que nun principio tiñan un prezo conxunto de 3 euros. Ese custo queda eliminado, polo que o público poderá acceder libremente tanto a estes produtos como á degustación, xa prevista sen cargo, de castañas asadas e da tradicional bica.
Para facer fronte ao mal tempo e facilitar que as persoas asistentes poidan gozar da xornada con comodidade, instalaranse carpas adicionais en varios puntos do centro da cidade: a propia Praza Maior, a Praza de Santa Eufemia, a rúa do Progreso, a rúa do Bispo Cesáreo e a Avenida de Pontevedra. Estas súmanse ás xa previstas para o servizo de bar e para o reparto de castañas.
Alén da parte gastronómica, a Festa do Magosto 2026 —que conta coa declaración de Interese Turístico— mantén a súa programación musical. Ás 18.00 horas, a Praza Maior acollerá o Festival Folk San Martiño, coas actuacións dos grupos ‘Ialma’ e ‘Brañas Folk’, xunto coa colaboración de Pancho Álvarez, Susana Blanco e o cuarteto de zanfonas Zarandela, baixo a dirección de Germán Díaz.
Xa pola noite, entre as 19.00 e as 22.00 horas, a rúa do Progreso (Alameda) será o escenario do baile animado pola orquestra Los Satélites, que porá o peche musical a unha xornada marcada polo mal tempo pero tamén pola gratuidade de todas as súas propostas.