A Deputación de Ourense inaugura unha exposición sobre o legado do doutor Míguez e o termalismo

OurenseXa
A mostra, enmarcada no II Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia que se celebra no Campus de Ourense, reúne libros, documentos e obxectos vinculados á traxectoria científica e investigadora do homenaxeado
Expo Dr Miguez Deputación Ourense
24 Sep 2026

A Deputación de Ourense participou este mércores na inauguración dunha exposición dedicada á figura do doutor Luis Rodríguez Míguez, celebrada no marco do II Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que se desenvolve estes días no Campus de Ourense. Ao acto acudiu o deputado de Representación Institucional da institución provincial e presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

A mostra recolle unha ampla selección de libros, publicacións, documentos e obxectos persoais relacionados coa labor científica e investigadora do doutor Míguez, o que permite aos visitantes coñecer de preto a súa traxectoria profesional e o legado que deixou para o desenvolvemento do termalismo contemporáneo, tanto en Galicia como, dun xeito moi especial, na provincia de Ourense.

Durante a súa intervención, Fernández salientou que a exposición amosa como boa parte dos plantexamentos que hoxe en día se consideran innovadores dentro do sector termal xa formaban parte do pensamento do doutor Rodríguez Míguez hai varias décadas. O representante provincial lembrou tamén a súa aposta por un termalismo asentado no coñecemento, o método e o rigor científico, así como a súa mirada integradora, capaz de relacionar as augas mineromedicinais coa saúde, o territorio, a cultura e o desenvolvemento da zona, aspectos que, segundo indicou, constitúen unha parte esencial da súa herdanza.

O deputado quixo subliñar igualmente a faceta docente do homenaxeado, e remarcou o valor simbólico de renderlle tributo precisamente nun contorno universitario. Nas súas palabras, unha parte importante do legado de calquera profesor non reside só nas publicacións ou investigacións que deixa escritas, senón nas persoas ás que forma, nas inquedanzas que esperta e nos camiños que outros deciden continuar despois del.

Nesta liña, Fernández puxo en valor a achega do doutor Míguez na formación de distintas xeracións de profesionais, un percorrido que arrinca nos Cursos Básicos de Hidroloxía Médica impartidos no Carballiño e que se prolonga posteriormente coa súa labor docente no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

O deputado provincial tamén fixo fincapé no significativo que resulta que esta mostra se presente coincidindo cun congreso internacional centrado na balneoterapia, un encontro que congrega en Ourense a investigadores, especialistas e profesionais do sector co obxectivo de compartir coñecemento e debater sobre os retos futuros desta disciplina.

Fernández concluíu a súa intervención afirmando que poucas homenaxes resultan tan coherentes co legado dunha persoa como comprobar que aquilo polo que traballou segue avanzando. Segundo as súas palabras, os libros e obxectos expostos son testemuño dunha vida entregada á medicina, á ciencia e ao termalismo, mentres que as súas ideas seguen presentes no modelo termal que actualmente se está a desenvolver en Ourense.

0.17226195335388