As Xornadas de Carne de Boi de Allariz encaran o seu último fin de semana con degustación gratuíta e música en directo

Allariz vive este sábado, 10 de outubro, unha das xornadas grandes da recta final das súas Xornadas de Carne de Boi. A décimo quinta edición do certame, na que participan vinte e dous locais hostaleiros do municipio, despídese o luns 12, polo que quen aínda non percorreu as tapas ou ten a cartilla a medias conta con apenas uns días para facelo.
A xornada comeza ás 12.30 horas no Mercado da Reserva da Biosfera, onde o Concello ofrece unha degustación gratuíta de paté de fígado de boi con shiitake. É a terceira e última das citas deste tipo programadas durante o certame, tras as de tataki de boi e croqueta de boi guisado.
Xa pola tarde-noite, a partir das 20.30 horas, a música toma as rúas coa actuación d'A Murga Achicoria, que porá o remate musical ás tres semanas de programación.
Mentres tanto, os establecementos participantes manteñen as súas tapas elaboradas para o concurso ao prezo único de 3 euros. Cada tapa probada conta na cartilla de votación, que dá opcións aos premios: 100 euros para gastar no comercio local para a primeira persoa que proba todas as tapas coa tarxeta cidadá, un vale de 300 euros na hostalaría e no comercio de Allariz entre as cartillas completas, e tres vales de 100 euros entre as que sumen polo menos cinco tapas.
Como novidade, este ano o título de "Mellor Tapa 2026" non dependerá só do voto popular, xa que por primeira vez haberá un xurado profesional que emitirá o seu propio veredicto. Ambos os dous fallos daranse a coñecer no acto de peche, o sábado 24 de outubro ás 11.00 horas, no Mercado da Reserva da Biosfera, onde tamén se realizará o sorteo dos vales. As bases completas pódense consultar en allariz.gal.