Avante Ourense aposta por un proxecto propio de cidade: "Hai que ser realistas, pero temos equipo"

OurenseXa
O seu coordinador, Francisco Diéguez, asegura que nunca se lles propuxo negociar unha confluencia máis ampla, cuestiona que se descoñezan as medidas do candidato e avanza que o Consello de Coordinación só manexa dous escenarios: non presentarse ou presentarse en solitario.
Francisco Diéguez coordinador Avante Ourense
8 Oct 2026

O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, detallou en declaracións a OurenseXa os motivos polos que a súa formación se mantén á marxe da coalición integrada por Ourense Mellor, Movemento Sumar Galicia, Verdes-Equo e Recortes Cero, que presentou a Manuel Carracedo como candidato á Alcaldía. Diéguez asegura que o Consello de Coordinación contempla, polo momento, só dúas opcións para as eleccións municipais: non concorrer ou facelo en solitario.

Unha reunión que non chegou a celebrarse

Segundo explica Diéguez, a reunión prevista o día da presentación da candidatura, na que ían participar representantes de Sumar Galicia, Ourense Mellor, o candidato e Avante Ourense, non se celebrou. Ese encontro, relata, emprazouse tras un primeiro contacto entre os responsables de organización de Sumar Galicia e de Avante Ourense.

O coordinador asegura que durante os últimos meses se lles reclamaron "diversos comunicados de apoio" á candidatura, algo que Avante Ourense rexeitou por non coñecer daquela nin o proxecto político nin a persoa que o encabezaría. "Agora sabemos cal é o candidato, pero seguimos sen coñecer exactamente as medidas que propoñen para a cidade", afirma.

"Non hai moito que poidamos facer"

Preguntado polas condicións que terían que darse para que Avante Ourense participase no proxecto, Diéguez responde que, tal e como está hoxe a coalición, "non hai moito que poidamos facer, nin pola súa parte nin pola nosa" para sumarse. Sostén que, do mesmo xeito que se lles pediu un comunicado de apoio, se lles podería ter proposto sentarse a falar para formar unha confluencia máis ampla. "Esas conversas nunca nolas solicitaron", afirma.

O coordinador tamén cuestiona a figura do candidato. Segundo indica, hai aproximadamente dúas semanas Carracedo estaba no Partido Socialista e, ao seu xuízo, "non é un candidato que nos vaia representar". Engade que, publicamente, defendía elevar a idade de xubilación, unha medida que Avante Ourense non respaldaría.

Aínda que evita pechar de todo a porta ("non quero dicir o típico de nunca digas nunca"), Diéguez insiste en que o Consello de Coordinación só valora agora non presentarse ás municipais ou presentarse en solitario. A postura coincide coa expresada no comunicado difundido esta semana, no que a formación defendía os procesos de unidade como un traballo conxunto desde a orixe e non como unha adhesión a unha coalición xa formada.

A división do voto, "non é o que nos preocupa"

Diéguez recoñece que a concorrencia de varias candidaturas pode provocar unha división do voto, pero resta importancia a esa cuestión. Para argumentalo lembra as municipais de 2023, cando, segundo sostén, unha confluencia de seis partidos obtivo moitos menos votos que as forzas que a integraban por separado en 2019. "O problema non é ir unidos ou non", defende.

Ao seu xuízo, o determinante é presentar á cidadanía "un proxecto, unhas propostas e unhas solucións" aos problemas dos veciños. Nesa liña lembra o documento "Ourense merece máis", que Avante Ourense estivo presentando durante o verán, e que a formación foi concretando en iniciativas como a súa petición ao Concello dun estudo para crear unha rede de carrís bici conectada. "Non nos preocupa a división do voto, aínda que poida preocupar a algúns actores políticos", resume.

Un partido novo e "realista"

Sobre as súas expectativas, Diéguez admite as limitacións dunha formación recente. "Non nos vemos na mesma liga que o Partido Socialista ou o Bloque Nacionalista. Hai que ser realistas", recoñece, e sinala que non contan cos recursos económicos doutras forzas. Fronte a iso destaca "un equipo sólido" de arredor de 20 persoas que traballa de forma constante en propostas e requirimentos.

O coordinador subliña que o partido se nutre da veciñanza e de profesionais de distintos ámbitos. Como exemplo, menciona que hai aproximadamente un mes levaron á Inspección de Traballo unha denuncia, cun vídeo da situación das urxencias do hospital de Ourense, que lles chegou a través de traballadores sanitarios. Por todo isto móstrase optimista ante unha eventual campaña, cuxa concreción dependerá do que decida a Asemblea Xeral.

Vivenda: iniciativas no Parlamento

Diéguez tamén se referiu ás iniciativas sobre vivenda que Avante Ourense ten no Parlamento de Galicia, entre elas a creación dunha empresa pública de vivenda e unha maior carga fiscal aos grandes tenedores. Asegura que, segundo lles informou o presidente da Cámara, as propostas foron tramitadas, pero que aínda non teñen novas sobre como avanza o debate interno.

O coordinador confía en que o presidente da Deputación e do PP de Ourense, Luis Menor, que situou a vivenda entre os asuntos centrais da próxima cita electoral, impulse que estas medidas saian adiante na Cámara galega. "Oxalá sexa o inicio dun camiño que por fin leve a que a vivenda deixe de ser un problema", conclúe.

0.1661958694458