Avante Ourense reclama máis implicación institucional para protexer a Fonte Oseira

Avante Ourense fixo público un comunicado no que amosa o seu malestar pola situación na que se atopa a Fonte Oseira, un elemento patrimonial da cidade cuxa conservación, segundo denuncia a formación, está a quedar na práctica exclusivamente en mans do Concello de Ourense, sen que ata o momento se aclarase se será declarada Ben de Interese Cultural (BIC).
Segundo explica o partido, o departamento autonómico competente en materia de patrimonio tería trasladado que carece de competencias para intervir neste asunto, unha resposta que Avante Ourense cualifica de decepcionante. A formación sostén que o debate non debería centrarse unicamente en que administración ten atribuídas determinadas funcións, senón na obriga das institucións públicas de velar pola conservación do patrimonio e de buscar, dentro do marco legal, as fórmulas necesarias para evitar o seu deterioro.
Neste sentido, Avante Ourense lamenta que, desde a área de Patrimonio, non se contemplase sequera valorar posibles vías de intervención, supervisión ou protección dentro das súas competencias, limitándose a derivar toda a responsabilidade ao Concello.
O partido considera que a situación se agrava porque, ao seu xuízo, o actual goberno municipal non estaría a amosar un compromiso firme coa protección deste ben. Por iso, defende que a conservación dun elemento do patrimonio histórico e cultural da cidade non pode depender unicamente da vontade de quen, segundo denuncian, está a promover unha actuación que podería afectar á súa integridade.
O voceiro da formación, Francisco Diéguez, mostrouse especialmente crítico coa actuación do rexedor local, ao que acusou de amosar maior interese noutras cuestións municipais que na preservación do patrimonio histórico da cidade. “O alcalde parecía máis preocupado por poñer a árbore de nadal que por preservar o patrimonio da cidade, e a Xunta parece disposta a mirar cara a outro lado. A Fonte Oseira non merece este abandono institucional”, afirmou.
Desde Avante Ourense insisten en que o patrimonio da cidade non pode quedar supeditado a decisións políticas puntuais nin a conflitos competenciais entre administracións, e reclaman un compromiso real por parte de todas as institucións implicadas. O partido defende que a Fonte Oseira pertence a todo o veciñario ourensán e que o seu futuro non debería quedar condicionado pola falta de coordinación institucional.