O BNG rexeita a actuación en Otero Pedrayo e defende o soterramento como solución real fronte ao cambio climático

A Xunta de Galicia e o Concello de Ourense puxeron en marcha as obras do que presentaron como un refuxio climático urbano na avenida Otero Pedrayo, cun orzamento de 340.000 euros. A actuación, impulsada polo Concello, contempla a colocación de 55 xardineiras prefabricadas de formigón, o cambio das superficies sintéticas por céspede natural nas rotondas e a plantación de arbustos e árbores, co obxectivo de rebaixar a sensación térmica en polo menos tres graos.
O BNG considera que esta iniciativa se queda moi curta para as necesidades reais da cidade. O portavoz municipal, Luís Seara, recoñeceu que plantar árbores "sempre está ben", pero defendeu que xa vai sendo hora de apostar por proxectos de maior calado. Ao seu ver, non se pode chamar refuxio climático á instalación duns xardineiras e uns poucos árbores.
O portavoz nacionalista foi máis alá e cuestionou directamente a actitude do alcalde, ao que acusa de limitarse a lamentar publicamente o trato que recibe a cidade por parte da Xunta sen plantar cara con firmeza. Segundo Seara, ese apoio tácito ao PP non se traduce en beneficios reais para Ourense, e sostivo que se o suposto engano se repite de forma reiterada, a responsabilidade deixa de recaer unicamente en quen engana.
Fronte á actuación anunciada, o BNG volveu pór sobre a mesa a súa proposta para esa mesma vía: o soterramento integral da avenida Otero Pedrayo, unha reivindicación que as nacionalistas levan anos defendendo e que en maio de 2025 o deputado Iago Tabarés trasladou formalmente á Xunta a través dunha iniciativa parlamentar, pedindo que se impulsase conxuntamente co Concello.
Para o BNG, soterrar a avenida permitiría liberar todo o espazo hoxe ocupado polo tráfico rodado e transformalo en parques, zonas de lecer e espazos verdes para a veciñanza, ademais de reforzar a seguridade dos numerosos viandantes que transitan pola zona. As nacionalistas consideran que esa si sería unha aposta real polo clima, con máis zonas verdes e máis espazo cidadán, e critican que se opte de novo por intervencións de baixo custo en lugar de abordar unha obra que, sinalan, constitúe unha demanda histórica compartida por distintas forzas políticas municipais e pola propia veciñanza. O portavoz do BNG concluíu reclamando para Ourense representantes capaces de facerse respectar, máis alá da queixa pública.