O Magosto de Ourense cambia os callos e o porco ao espeto por bica, pola folga do sector cárnico

OurenseXa
A cita gastronómica e musical, declarada de interese turístico, celébrase este mércores con castañas, chourizo e actuacións folk, despois de modificar a súa oferta de comida por un paro convocado a nivel estatal
castañas-magosto-recurso
10 Nov 2026

O tradicional Magosto de Ourense celébrase este mércores, 11 de novembro, a partir das 18.00 horas, repartido entre a Praza Maior e a Alameda. A festa, declarada de interese turístico, mantén a súa esencia popular aínda que cunha novidade obrigada no menú: a bica súmase ás castañas e aos chourizos como produto estrela, mentres que os callos e o porco ao espeto, anunciados nun primeiro momento, quedan fóra da oferta.

O motivo deste cambio é unha folga do sector cárnico que se estende esta semana por todo o Estado impediu manter eses dous pratos na proposta gastronómica inicial.

Ante a previsión dunha xornada de choiva, o Concello decidiu reforzar o dispositivo con máis carpas das habituais, de xeito que o público poida gozar tanto da comida coma dos espectáculos musicais sen depender do tempo. Ademais dos puntos fixos do bar e do reparto de castañas, instalaranse carpas na Praza Maior, en Santa Eufemia, na rúa do Progreso —á altura da Alameda—, en Bispo Cesáreo e na Avenida de Pontevedra.

Canto ao programa, ás 18.00 horas arrincará na Praza Maior e na rúa do Progreso o magosto tradicional, con chourizo asado acompañado de bolo de masa nai e auga ou viño, por un prezo de 3 euros; tamén se poderán mercar castañas e bica por separado. Á mesma hora, na Praza Maior, comezará o Festival Folk San Martiño, coas actuacións dos grupos ‘Ialma’ e ‘Brañas Folk’, xunto coa colaboración de Pancho Álvarez, Susana Blanco e o cuarteto de zanfonas ‘Zarandela’, dirixido por Germán Díaz.

A xornada pechará na rúa do Progreso, na zona da Alameda, cunha sesión de baile de 19.00 a 22.00 horas amenizada pola orquestra ‘Los Satélites’.

0.44293808937073