O PSOE esixe explicacións ao Goberno local pola continuidade das obras na Casa de Baños en Ourense e pide á Xunta que actúe

OurenseXa
Natalia González denuncia que o Concello seguiu cos traballos pese ao requirimento expreso de paralización de Patrimonio, e recorda que outras formacións e colectivos xa reclamaran medidas nas últimas semanas
natalia-gonzalez-psoe-ourense
28 Aug 2026

O Grupo Municipal Socialista de Ourense cualificou de "especialmente grave" a resposta oficial que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia lle remitiu en relación coa demolición da Casa de Baños de Outeiro. Segundo esta contestación, as actuacións levadas a cabo no inmoble non contaban coa autorización preceptiva da Consellería de Cultura. O PSOE xa exixira previamente a paralización das obras e pedira explicacións a Jácome.

De acordo coa documentación á que tivo acceso o grupo socialista, Patrimonio tomou coñecemento do derrubo o 12 de agosto e notificou ese mesmo día ao Concello de Ourense un requirimento para paralizar a intervención e presentar toda a documentación relativa aos traballos. Sen embargo, o propio Servizo de Patrimonio Cultural constatou dous días despois, o 14 de agosto, que as obras seguían en marcha pese a esa orde de paralización. Ante isto, Patrimonio solicitou a colaboración da Unidade de Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma para verificar o estado da actuación e deixar constancia por escrito dos traballos que se estaban a executar.

A voceira socialista, Natalia González, sinalou que xa non se trata dunha cuestión de interpretación política, senón que é a propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a que recoñece por escrito a falta de autorización. González reclamou coñecer quen tomou a decisión de continuar as obras, con que informes e baixo que responsabilidade.

O PSOE destacou tamén que, mentres Patrimonio reclamaba a paralización e a documentación sobre unhas obras xa iniciadas, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 27 de agosto a declaración de emerxencia vinculada a esta intervención. Por iso, González esixiu ao Goberno de Jácome que aclare publicamente cando se adoptou esa decisión, que informe técnico a respaldaba, que actuación concreta quedou autorizada e que relación garda esa declaración co traballo que xa se viña realizando con anterioridade.

Petición de actuación á Xunta

Os socialistas consideran necesario, ademais, que a Xunta de Galicia explique que medidas adoptará tras confirmarse oficialmente a ausencia de autorización patrimonial. Segundo o informe do organismo autonómico, será preciso presentar un proxecto redactado por un profesional competente para os posibles desmontaxes, apeos e consolidacións dos elementos que aínda se conservan, así como documentación sobre o estado actual do edificio, dos elementos xa retirados e sobre a súa conservación e custodia.

Natalia González defendeu que a Xunta debe exercer as súas competencias para garantir a protección do que resta do inmoble e asegurar que os elementos patrimoniais retirados estean debidamente identificados e custodiados. O PSOE anunciou que trasladará esta nova documentación á iniciativa que está a preparar no Parlamento de Galicia, coa que pretende que a Xunta dea conta das actuacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, das medidas tomadas ao comprobar que os traballos continuaban e dos pasos previstos ante a falta de autorización constatada no expediente.

Outras formacións tamén reclamaron medidas

Este posicionamento do PSOE chega despois de que outros grupos e colectivos expresasen a súa preocupación polo estado do inmoble nas últimas semanas. O BNG anunciou que levará ao pleno municipal de setembro unha moción para pedir responsabilidades polo derrubo e trasladar o expediente á Fiscalía. Os nacionalistas xa viñan advertindo desde mediados de agosto sobre a gravidade da situación, cando reclamaran, xunto ao propio PSOE, a paralización inmediata das obras e a intervención da Xunta para protexer o edificio, integrado no conxunto declarado Ben de Interese Cultural das Burgas. Días antes, o voceiro nacionalista tamén cuestionara que a decisión de derrubar carecese de respaldo legal. Pola súa banda, a asociación Apatrigal levou o caso ante a Fiscalía Provincial de Ourense, ao entender que se trata dunha posible afectación a un ben protexido que require unha explicación documentada.

0.18490600585938