PSOE e BNG reclaman baixar as tarifas e fixar unha data de reapertura para a piscina termal das Burgas tras o anuncio de Jácome

O anuncio dun novo bono para a piscina termal das Burgas reabriu o debate político no Concello de Ourense, apenas unha semana despois de que o pleno aprobase de forma inicial a ordenanza que regula os prezos públicos das instalacións. Tanto o PSOE como o BNG reaccionaron con críticas á xestión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, aínda que desde posicións e propostas diferentes.
O grupo municipal socialista sostén que a decisión do goberno local de plantexar agora un bono de 30 euros para dez baños —o que suporía un custo de tres euros por acceso— demostra que a tarifa inicial, fixada en 7 euros por dúas horas de baño, era excesiva. Segundo lembran desde o PSdeG, xa advertiran deste problema durante a tramitación da norma, que finalmente saíu adiante grazas á abstención do PP, mentres que os socialistas votaron en contra.
A portavoz do grupo municipal e candidata á Alcaldía, Natalia González Beneitez, cuestionou a coherencia do goberno local: “Hai unha semana dixemos que o que se plantexaba era un prezo elevado para moitas familias de Ourense. O alcalde defendeu aquela tarifa e agora anuncia un bono co que cada baño sairía a tres euros. Entón, se había marxe para ofrecer prezos máis baixos, por que non se fixo antes?”. A edil considera chamativo que sexa o propio goberno quen proponga agora corrixir un texto recén aprobado, e lamenta que non se atendesen antes as advertencias da súa formación.
Desde o PSOE aclaran que non rexeitan a idea de ofrecer bonos máis económicos, pero discrepan do modelo plantexado: consideran un erro manter a entrada individual en 7 euros e esixir o pago anticipado de 30 euros ou a compra dun abono mensual para acceder a un prezo reducido. Por iso, piden aproveitar o novo prazo de alegacións para rebaixar o prezo da entrada ordinaria sen necesidade de adquirir ningún bono, incorporar descontos específicos para a mocidade e ampliar as tarifas sociais e familiares xa existentes, que valoran como un avance insuficiente.
O grupo socialista insiste ademais en que a piscina termal debe seguir xestionada de forma directa polo Concello, como recurso público ao servizo da veciñanza e non como unha fonte de rendabilidade económica. Por último, lembran que as instalacións permanecen pechadas desde marzo de 2020 e que, a pesar dos anuncios sobre tarifas e bonos, aínda non existe unha data concreta para a súa reapertura.
Pola súa banda, o BNG tamén mostrou o seu rexeitamento á nova proposta de bono impulsada polo goberno local, á que cualifica de improvisada. Os nacionalistas lembran que votaron en contra da ordenanza aprobada o pasado 19 de outubro despois de que o executivo local rexeitase todas as emendas que presentaran, e anuncian que volverán alegar ao texto.
O portavoz e candidato á Alcaldía polo BNG, Luís Seara, insistiu en que a piscina podería estar aberta na actualidade e que o seu peche responde unicamente a unha decisión política: “A piscina podería estar aberta a día de hoxe e se permanece pechada é única e exclusivamente porque Jácome quere, pois a Ordenanza non é imprescindible para abrila”, afirmou, reclamando a súa reapertura inmediata.
Respecto ao modelo de xestión, Seara defende que o servizo termal debería ser gratuíto para os veciños e veciñas de Ourense, sen descartar o cobro a quen visite a cidade desde fóra. En canto aos abonos, o BNG propuxera incluír unha modalidade anual vinculada ao nivel de renda, de xeito que as persoas con menores ingresos non pagasen nada e o resto de usuarios aboase unha cantidade simbólica, arredor de 2,5 euros ao mes.
O portavoz nacionalista vinculou esta proposta coa situación social da cidade, sinalando os elevados índices de pobreza de Ourense e a existencia de persoas que, a pesar de ter emprego, teñen dificultades para chegar a fin de mes. Segundo Seara, limitar o acceso a un recurso termal con beneficios recoñecidos para determinadas doenzas suporía unha penalización engadida para quen atravesa unha situación económica feble.
O BNG criticou a proposta de autoemenda trasladada polo goberno local, á que acusan de responder á improvisación e de buscar xustificar a falta de avances na reapertura das instalacións, despois de ter descartado inicialmente a proposta de bonos plantexada polos propios nacionalistas.